Web en galego: visibilidade local, percepción de marca e erros habituais

En Galicia, o idioma dunha páxina web non é unha cuestión menor nin puramente lingüística. Decidir se unha web está en galego, en castelán ou en ambas as dúas linguas inflúe na percepción da marca, na proximidade co público local e na coherencia da comunicación dixital.

Como tradutora autónoma, traballo a diario con servizos de tradución para proxectos dixitais nos que o idioma forma parte da estratexia.

Dispoñer dun sitio web en galego pode achegar valor en termos de identificación e posicionamento local, pero tamén xera algunhas dúbidas habituais: que impacto real ten no SEO local en Galicia? Cómpre traducir todo o contido? Que erros adoitan repetirse ao adaptar unha páxina web ao galego?

Neste artigo abordo estas cuestións desde unha perspectiva práctica e profesional.

Erros habituais ao ter unha web en galego

Torre de Hércules na Coruña, símbolo cultural para unha web en galego orientada ao público local.

A decisión de incorporar o galego a unha web corporativa é positiva, pero non sempre se leva a cabo co coidado necesario. Estes son algúns dos problemas que observo con máis frecuencia en proxectos dixitais.

Traducir só as partes visibles da web

Un dos fallos máis comúns é limitar a tradución ao galego á páxina de inicio ou a algúns apartados comerciais. Os menús secundarios, os formularios, os textos legais ou as mensaxes do sistema quedan en castelán, o que rompe a coherencia e transmite unha certa sensación de falta de coidado.

Unha páxina web en galego debería manter coherencia en todos os seus elementos, non só nos máis visibles.

Empregar traducións literais do castelán

O galego dun sitio web non debería soar a tradución do castelán. As traducións literais adoitan dar lugar a textos ríxidos, pouco naturais e, nalgúns casos, incorrectos. Isto afecta tanto a experiencia de navegación como a credibilidade da marca. Os contidos en galego funcionan mellor cando se adaptan ao uso real do idioma.

Este problema non é exclusivo do galego. Moitos destes erros habituais na tradución de páxinas web aparecen cando non se ten en conta como se len e se utilizan os contidos nun contorno dixital, independentemente do idioma.

Mesturar variantes ou rexistros sen criterio

Outro erro frecuente é combinar distintas variantes do galego ou alternar rexistros formais e informais sen unha lóxica clara. Isto adoita suceder cando interveñen varias persoas na redacción ou cando se aproveitan textos previos, de distintas procedencias.

Nun sitio web en galego, a coherencia lingüística é tan importante como a visual.

Ignorar o SEO local en Galicia

Traducir unha web non é o mesmo que traballar o seu posicionamento. En moitos casos adáptase o contido ao galego, pero se descoidan aspectos básicos do SEO local en Galicia, como os metadatos, a estrutura dos enderezos URL ou a relación entre idioma e público obxectivo.

O resultado é un sitio web correcto desde o punto de vista lingüístico, pero con pouca visibilidade nas buscas locais.

Resolver a presenza do galego “por cumprir”

Incluír o galego só para cumprir unha expectativa externa pode dar lugar a decisións pouco atinadas: traducións incompletas, textos xenéricos ou contidos sen actualizar. O idioma tamén comunica valores e unha implementación pouco traballada pode transmitir unha imaxe pouco profesional.

Web en galego e SEO local en Galicia: que relación hai realmente

Ter unha web en galego non garante automaticamente unha mellor posición nos buscadores. Porén, si que pode influír no SEO local en Galicia cando forma parte dunha estratexia ben definida. O idioma só é un dos moitos factores que interveñen na visibilidade en liña e convén entender o seu papel sen caer en simplificacións.

Google non posiciona mellor unha páxina unicamente por estar en galego. O que si valora é a adecuación do contido á persoa usuaria e ao contexto da busca, tal e como recollen as directrices de Google sobre sitios web multilingües. Nun contexto local, o idioma pode actuar como un sinal adicional de relevancia cando o público obxectivo emprega o galego de maneira habitual no seu contorno dixital.

Ademais, unha páxina web en galego pode influír en métricas indirectas relacionadas co posicionamento, como o tempo de permanencia ou a interacción cos contidos. Se quen visita a web percibe naturalidade e proximidade, é máis probable que navegue con calma e explore outras seccións.

Tamén é importante a coherencia entre o idioma, a localización e a mensaxe. Cando un sitio web dirixido a un público galego emprega a lingua galega de forma consistente nos textos, nos metadatos e na estrutura, a mensaxe resulta máis clara tanto para a persoa usuaria como para os motores de busca. Isto non substitúe un traballo técnico de SEO, pero si o complementa.

Cando ten sentido unha web integramente en galego (e cando non)

Non todas as empresas en Galicia precisan unha web completamente en galego, nin todas as situacións requiren o mesmo enfoque lingüístico. A clave está en analizar o contexto, o público e os obxectivos antes de tomar unha decisión.

Ofrecer un sitio web integramente en galego adoita ter sentido cando o público obxectivo é maioritariamente local, cando a actividade está fortemente vinculada ao territorio ou cando o idioma forma parte da identidade e dos valores da marca. Nestes casos, o galego reforza a coherencia da mensaxe e a relación co contorno.

Noutros contextos, unha web bilingüe en Galicia pode ser a opción máis axeitada. Os proxectos dirixidos tanto a público local como estatal ou as marcas con perfís de usuarios diversos poden beneficiarse dunha estratexia multilingüe ben definida. O importante é que a convivencia de idiomas sexa clara e ordenada, tanto para quen navega pola web como para os buscadores.

En calquera caso, convén evitar decisións improvisadas. Incluír o galego sen unha planificación clara (que se traduce, como e con que criterio) pode xerar unha experiencia irregular. Contar cun servizo profesional de tradución ao galego axuda a manter a coherencia lingüística e comunicativa ao longo do tempo.

Conclusión

Escoller o idioma dunha web non é unha decisión menor, especialmente cando se dirixe a un público local. O galego pode achegar proximidade e claridade, pero só se se integra con criterio e planificación.

Se está a valorar adaptar a súa web ao galego ou revisar como se están a empregar os idiomas no seu proxecto dixital, pode resultarlle útil ter en conta os aspectos mencionados antes de tomar unha decisión definitiva.

Preguntas frecuentes sobre ter unha web en galego

Unha web en galego transmite proximidade, respecto cultural e mellora a conexión co público local. Ademais, pode achegar sinais de relevancia para o SEO local en Galicia.

Si. Empregar o idioma da persoa usuaria xera familiaridade, demostra compromiso co contorno e pode aumentar a percepción de profesionalidade e confianza.

Adaptar implica ter en conta o ton, a canle e a experiencia da persoa usuaria; unha tradución literal pode dar lugar a textos pouco naturais e menos eficaces.

Depende do volume e da especialización do contido, pero o custo adoita compensarse cunha imaxe máis profesional e mellor conectada co ámbito local.