Que é un tradutor SEO?

A profesión da tradución mudou co paso do tempo. Debido ao desenvolvemento frenético do mundo dixital e á irrupción da intelixencia artificial, os profesionais deben adaptarse aos cambios e desenvolver novas competencias. Así é como xurdiron os primeiros tradutores especializados en tradución SEO. Pero… que é exactamente un tradutor SEO? Necesita realmente este servizo? Se ten un sitio web plurilingüe, contar cun tradutor especializado en clasificación orgánica nos buscadores resultará moi útil na súa estratexia de crecemento internacional e axudaralle a aforrar no orzamento que destino a publicidade en Google. Vexamos por que.

imaxe de homiño agochado detrás das letras SEO

De que se encarga un tradutor SEO?

O labor dun tradutor SEO é traducir textos e facelos visibles nos motores de busca internacionais. Do mesmo xeito que outros profesionais do sector, traduce os textos dun sitio web e adáptaos ao mercado obxectivo. Con todo, o contido que está ben posicionado nos resultados de busca de Google para o idioma de orixe non o vai estar no idioma e mercado de destino. Non é algo que caia do ceo, senón que cómpre crear unha tradución optimizada para SEO. Por tanto, non só hai que traducir, senón que tamén hai que elixir as palabras clave relevantes no idioma de destino.

Vexamos un exemplo: Imaxinemos que ten unha web de venda de produtos en liña. Está ben clasificada e recibe visitas de moitos clientes. Decide comezar a vender noutros mercados coma o francés ou británico e delega a tradución dos textos a unha empresa de tradución. Lamentablemente, se estes tradutores non dominan as técnicas de SEO e non as teñen en conta á hora de traducir, é posible que as versións multilingües do seu sitio web non funcionen ben, isto é, os clientes internacionais non atoparán o seu sitio web cando fagan procuras en Google desde o seu país. Por iso, é recomendable contratar un tradutor SEO para gañar visibilidade e, en consecuencia, aumentar as vendas nun novo mercado.

 

Que competencias debe ter un tradutor SEO?

O seu principal obxectivo é traducir para axudar a mellorar o posicionamento dun sitio web nos resultados de Google. Vexamos cales son as competencias que se requiren:

Excelente dominio da lingua materna

As habilidades de escritura son esenciais para calquera que se dedique á tradución. Debe ter un perfecto dominio das regras de ortografía, sintaxe e tipografía da súa lingua materna. Unha web mal traducida ao galego non terá credibilidade nin para os usuarios nin para os motores de busca. Non hai que esquecer que, aínda que nos interesa que o Google posicione ben o contido de cada páxina, o primeiro que debemos ter en conta é que escribimos para persoas, non para robots de indexación nin para algoritmos. Se unha páxina web non ten interese, a audiencia non lle prestará atención nin terá interese nela.

Coñecemento das técnicas de redacción en Internet

Á hora de escribir para Internet, é moi importante ter en conta que non todas as persoas que nos len van dispoñer do tempo suficiente de deterse a ler con tranquilidade. Somos persoas ocupadas que escriben para outras persoas ocupadas e o tempo é ouro, non si? Por iso cómpre redactar con precisión, ser directo, usar frases curtas e ordenar a información adecuadamente. As listaxes, as frases breves, as palabras destacadas, os títulos e os subtítulos son elementos que nos guían. A quen non lle gusta ler unha entrada de blogue que inclúe datos pertinentes e non fala do aire?

Coñecementos específicos sobre o mercado obxectivo

Para saber como dirixirse á audiencia dun país e idioma concretos, o tradutor debe comprender as diferenzas culturais e saber adaptalas cando sexa preciso. Ás veces hai xogos de palabras ou ligazóns a outros sitios web irrelevantes para a audiencia doutros países. Non hai que ter medo a adaptar algúns elementos e, nalgúns casos, suprimilos ou substituílos por outros. Outro aspecto importante que non hai que descoidar é o nivel de formalidade co que queremos presentarnos.

Coñecementos específicos sobre páxinas web

Para ofrecer traducións eficaces e mellorar o SEO dun sitio web nun mercado estranxeiro, hai que saber de onde provén o tráfico e onde hai que conducir os usuarios. Por exemplo, pode resultar pertinente revisar as ligazóns internas que comunican as distintas seccións da web para comprobar que funcionan. Ademais, os textos deben ser comprensibles e accesibles: é tan importante o contido como a súa presentación. Se os usuarios entran nunha páxina e marchan rapidamente, o noso posicionamento SEO pode verse penalizado, xa que o motor de busca pode interpretar que o contido non é relevante para eles.

Capacidade de escoller as palabras clave pertinentes

Na meirande parte dos casos, unha palabra clave non se pode traducir literalmente. Hai que atopar as expresións equivalentes en cada idioma e comprobar a competitividade destas palabras clave. Tamén hai que ter en conta a xerga propia de cada campo de especialidade e a que tipo de público estamos a dirixirnos (son usuarios expertos na materia ou non?). Este traballo é clave para unha estratexia de SEO internacional exitosa. Moi poucos tradutores profesionais dominan o SEO. Con todo, combinar tradución e SEO é fundamental para obter máis visibilidade a nivel internacional.

 

O papel da tradución SEO

Un feito innegable é que para vender hai que ser visible. Na web, hai dúas formas de gañar visibilidade: a publicidade de pago (SEA) e o tráfico natural ou orgánico (SEO). Redactar e traducir tendo en conta o SEO supón un grande investimento a longo prazo porque axuda a investir menos en publicidade de pago en buscadores. Con todo, cando se traduce un sitio, este valioso traballo adoita perderse. A función do tradutor SEO é axudar ao propietario dun sitio web a expandir o seu mercado no estranxeiro atraendo un bo tráfico de maneira natural nos idiomas de destino. Para iso, é necesario adaptar a estratexia SEO ao mercado desexado. É unha tarefa que pode ser titánico, pero con constancia e paciencia dá froitos.

 

Que elementos deben traducirse?

Para conseguir un bo posicionamento orgánico SEO nos motores de busca, non só hai que traducir os textos das páxinas e os artigos do blogue, senón tamén outros elementos menos visibles (títulos, metadescricións, URL ou etiquetas ALT das imaxes), pero que inflúen no posicionamento web. Consulte máis información sobre o servizo de tradución SEO.

Que tipo de clientes precisan unha tradución SEO?

Calquera empresa que queira darse a coñecer internacionalmente pode contratar un servizo de tradución SEO. Xa sexa unha empresa turística, unha que vende produtos en liña ou unha axencia de márketing internacional. En moitos sectores aumentou a venda de produtos e servizos en liña, polo que a necesidade de chegar a novos clientes en varios idiomas existe.

En conclusión, recorrer a un tradutor SEO é unha excelente opción para calquera empresa que desexe aumentar as súas vendas no estranxeiro. Poñendo en práctica os seus coñecementos en idiomas e en SEO, adaptará o contido do seu sitio web para que este teña máis visibilidade no exterior. Está a buscar un servizo de tradución SEO? Solicite información.

Si ten curiosidade, neste breve vídeo de YouTube explico, poñendo como exemplo o meu sitio web, tres ferramentas para mellorar o SEO dunha páxina web.