
Márketing musical internacional: como adaptar a comunicación a outros mercados
Unha canción pode chegar a oíntes de moitos países sen necesidade de tradución. A comunicación que a acompaña, en cambio, depende do idioma: biografías, notas de prensa, campañas, dosieres e publicacións deben explicar quen está detrás do proxecto e por que merece a atención do público. Por iso, cando unha estratexia de márketing musical se estende a outros mercados, traducir as palabras é só unha parte do traballo. Tamén cómpre revisar o ton, as referencias e a maneira de presentar o artista. Non se trata de cambiar a súa identidade, senón de expresala con naturalidade noutro idioma. Que é o márketing musical internacional? O márketing musical reúne as accións destinadas a dar a coñecer un artista, un grupo, un lanzamento, un selo discográfico ou un evento. Inclúe o sitio web, as redes sociais e as campañas publicitarias, pero tamén as notas de prensa, os dosieres, as biografías dos grupos nas plataformas de streaming e os materiais que reciben promotores e medios de comunicación. Cando un proxecto se presenta noutro mercado, todos eses contidos deben funcionar para un público novo. O idioma é fundamental, pero tamén inflúen os coñecementos previos dese público sobre o artista, os usos de cada canle e as referencias culturais presentes na mensaxe. Por exemplo, o texto de presentación dun artista pode adoptar un ton próximo nas redes sociais e outro máis informativo nun dosier profesional. Ambos os textos terán unha identidade recoñecible, pero a tradución terá que axustarse á canle, ao destinatario e á finalidade concreta.




